MEDULIA, editorial galega, privada e independente, ofrece unha asistencia integral, tanto literaria como xurídica, a calquera autor/a que lle confíe o seu manuscrito desde o momento da entrega ata a publicación. E despois de publicado, continúa apoiando o seu desenvolvemento e promoción, sempre no propósito de dotar a cada obra da maior visibilidade e transcendencia.
Primeiro (asesoramento):
Con frecuencia, os libros chegan “sen rematar”, isto é, sen o necesario axuste e precisión que permita entregalos, sen máis á imprenta. MEDULIA encárgase da análise, corrección e comentario do libro, vendo e solucionando posibles eivas: reiteracións, cacofonías, redundancias, erros lingüísticos e ortográficos, incoherencias argumentais, duplicidades temáticas, axeitamento da estrutura e da montaxe…, mirando de obter un acabado o máis perfecto posible, tanto nos contidos como na expresión gramatical e estilística.
Segundo (exemplar tipo e distribución):
MEDULIA encárgase de todo o proceso de impresión (maquetado, pre-impresión, formato, ilustracións da capa e de interior, tono e gramaxe do papel…) da distribución nas principais librarías galegas así como da promoción nos medios. En todo este proceso, como no do apartado anterior, MEDULIA conta coa opinión do autor/a, responsable de corrixir as probas, recibindo un “exemplar tipo” en todo semellante ao que vai ver a luz, para que exprese a súa plena conformidade antes de proceder á edición definitiva.
Terceiro (prazo):
O prazo de entrega estimado do libro, é de dous meses desde a remisión por parte do autor/a, dos textos e materiais definitivos.
Cuarto (presentación):
MEDULIA comprométese a apoiar todos os actos públicos e presentacións de cada título do noso catálogo, enviando convocatorias ós medios de comunicación, prensa e redes sociais, buscando darlle a maior difusión posible.