Gracián, Ánxela

Biografía

Ánxela Rodríguez Rodríguez, conocida polo seu pseudónimo artístico de Ánxela Gracián, naceu na aldea de Gracián, no concello lucense de Castroverde, o 29 de febreiro de 1968, aínda que foi inscrita oficialmente o 1 de marzo, por decisión do seu pai. A súa infancia transcorreu nun contexto con escasa presenza de libros ou bibliotecas, mais tivo a fortuna de escoitar a literatura oral a través dos seus familiares: contos populares, romances de cego, adiviñas e historias reais que espertaron nela, desde moi pequena, unha fonda paixón pola palabra e pola narración.

Formada nunha educación literaria heterodoxa —na que chegou antes a Clarín, Balzac ou Dostoievski que a Calvino ou Rodari— viviu a adolescencia entre lecturas intensas e a escrita precoz de relatos e poemas. Os premios literarios do instituto supuxeron un impulso importante para unha rapaza de aldea que falaba galego como lingua primeira. Grazas á influencia de varios profesores de literatura, decidiu estudar Filoloxía, etapa na que afondou na “ciencia das palabras”, ao tempo que comezaba a publicar poemas e contos en revistas universitarias.

A literatura infantil chegou case por instinto, como un xeito de render homenaxe ás voces que lle transmitiron as primeiras historias. Con ela procurou sempre achegarse a unha ética e estética propias, avanzando cara a unha expresión máis fonda e reflexiva. A tradución converteuse no seu oficio profesional, co que paga as facturas e cultiva a arte de penetrar nas esencias do significado, de tocar con palabras alleas a música da linguaxe.

Escritora que cre na verdade da ficción, entende cada novo libro como unha mestura de realidade e invención, coma unha ferramenta para entender o mundo e a si mesma. Confesa sentirse, coma Fernando Pessoa, unha “fingidora” que, con sinceridade, canta aquilo que sente. Á espera de que vexa a luz Benu Zula e a Unicornia Branca, declara o seu desexo de continuar instalada na procura dunha nova historia, dunha nova nube —ou mesmo dun recanto de mar— onde poida seguir soñando e escribindo.

Libros editados

Política de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.