Diana Varela Puñal naceu en Corme e, aos catorce anos, trasladouse á Coruña. A súa obra poética apareceu en diversas publicacións, como a revista Xistral de Lugo, o Anuario Brigantino, Ferrol Xurídico e El Correo Gallego. Tamén colaborou no diario Galicia Hoxe coa súa sección semanal “Cartas boca arriba” e asinou a páxina cultural “O Dereito e as Humanidades” na revista Fonte Limpa, publicada polo Colexio de Avogados da Coruña, no que é membro. Actualmente, é a secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e co-directora de Medulia Editorial.
A súa traxectoria literaria inclúe o Premio Díaz Xácome de Mondoñedo e, en 2006, obtivo o Premio Uxío Novoneyra das Pontes de García Rodríguez polo seu poemario Fíos, publicado en 2008 por Espiral Maior, que tamén publicou o seu segundo libro, Animal Abismo, en 2010. En 2011, presentou o poemario infantil As trovas de Midas (Galebook). En 2012, gañou o Premio Estornela de Teatro coa súa obra Arlequino Viceversa (editada por Embora) e dramatizou pezas de teatro como Lúa de Mel e A morte é a túa voz ausente.
En 2015, publicou a súa primeira novela Fin de Festa (Laiovento), e en 2016 presentou Midas, Leo e o Paraugas, unha obra de teatro para nenos (Medulia Editorial). No 2017, publicou Ouvre la Lucarne, unha selección de poemas en galego-francés (Medulia Editorial), e en 2018, o libro de poemas Non, amor (Medulia Editorial). En 2019, publicou o ensaio Diario sen datas dunha aborixe galega (Laiovento) e en 2020 recibiu o Premio Neira Vilas de Novela pola súa obra A conxura, que foi publicada no 2021 por Embora.
meduliaeditorial.es by 15114.net © 2025 – Tódolos dereitos reservados