Manel Monteagudo naceu en Cando, no concello de Outes, e cando tiña dous anos, a súa familia trasladouse ao lugar de Corral de Orro, no concello de Noia. Proveniente dunha familia de clase humilde, a súa vida tomou un rumbo moi distinto ao dos seus compañeiros de escola. Con tan só 14 anos, deixo a escola e comezou a súa carreira como engraxador nun buque pesqueiro-conxelador que operaba nas augas de Suráfrica. Aquel primeiro traballo marcou o inicio dunha longa andaina no mar, que o levou a traballar en varios buques mercantes e a facer o servizo militar na Armada Española.
A súa primeira gran oportunidade chegou cando se trasladou a Hamburgo en 1974, onde se incorporou a un buque mercante alemán como engraxador, e rapidamente mellorou a súa situación económica. O seu salario, que superaba todas as súas expectativas, permitiulle mellorar as condicións da súa familia e iniciar estudos de electricidade e electrónica naval por correspondencia.
En 1977, logo de cumprir o servizo militar, volveu á mesma navieira en que traballara antes, sendo nomeado oficial electricista a tan só 21 anos, o que o convertiu no oficial máis novo da mariña mercante alemá. No entanto, en 1979 un grave accidente no mar, no que caeu desde seis metros de altura á bodega do barco, fixo que a súa vida laboral rematase de forma abrupta. O accidente deixou secuelas que, durante os seguintes 35 anos, fixeron que a súa vida fose chea de dificultades físicas.
Aínda así, e despois dun longo proceso de recuperación, en 2014 recibiu o alta médica, aínda que tivo que tomar medicación para o resto da súa vida. Durante os anos de convalecencia, Manel descubriu a súa paixón pola escritura e en 2015 publicou e autoeditou o seu primeiro poemario, Reflexións poéticas. Desde entón, non deixou de escribir relatos e poesía, e os seus primeiros libros non autoeditados comezaron a ver a luz, como Camiño á lagoa dos bardos (2019), De mariño a poeta (2021), Mar e Vento (2021), Labirinto de soños (2022) e O afago da brisa do mar (2022). En Vento frío, o seu primeiro libro de narrativa, recolle dezasete contos e relatos que amosan a súa faceta como narrador, continuando a súa evolución literaria.
A súa obra está marcada pola reflexión profunda sobre a vida, a natureza e a conexión co mar, e amosa a capacidade de superación dunha vida que, aínda marcada polas dificultades, segue adiante a través da escrita.
meduliaeditorial.es by 15114.net © 2025 – Tódolos dereitos reservados