Manuel González Prieto naceu en Santiago de Compostela en 1985. Diplomado en Traballo Social pola Escola Universitaria de Traballo Social da súa cidade natal, desenvolve a súa actividade profesional e creativa vencellada á promoción da cultura e da lingua galega.
Como poeta, publicou A profecía e o xogo dos espellos (2018, Uno Editorial), obra á que acompañou cun videopoemario co mesmo título. En 2019 obtivo o II premio no III Concurso de micropoesías “Vilariñas”, convocado por NPG-Nova Poesía Guitirica. Colabora regularmente con poemas en Areal. Revista Cultural de Sada.
No eido da divulgación e investigación, coordinou o libro Antonio Fernández Morales, autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017) (Edicións Fervenza) e a exposición homónima. Tamén participou na organización dos I e II Premio Morales para a promoción do idioma galego no Bierzo e en Sanabria / A Seabra, así como no proxecto Tras os pasos de Morales (2018 e 2019).
meduliaeditorial.es by 15114.net © 2025 – Tódolos dereitos reservados