A simboloxía dun camiño de esforzo é unha obra que nace do encontro entre a memoria e a materia, entre a palabra e a pedra. O texto, construído como un longo itinerario simbólico, percorre os camiños da humanidade a través das pegadas deixadas nas rochas, nas mans e nos soños. Non é só un ensaio nin unha narración histórica: é unha meditación sobre o sentido do traballo, da arte e da existencia.
Durante o proceso de escritura, mergúllome nas orixes máis profundas do espírito humano, naquel instante remoto no que unha man deixou o primeiro signo sobre a parede dunha cova. Ese xesto forma parte da historia: a da conciencia que se esculpe así misma/mesma, unha epopea silenciosa na que o ser humano aprende a transformar o mundo e a moldealo.
Ao longo dos capítulos, a pedra convértese nunha testemuña viva, nunha metáfora da resistencia e da beleza que latexa baixo o paso do tempo. Mais o relato non se detén na abstracción filosófica: encárnase nunha historia humana, a dun neno que medra entre canteiros, silencio e pobreza, e que aprende o valor da perseveranza a través da pedra. Esa infancia, convertida en símbolo do esforzo e da aprendizaxe, abre o camiño cara á figura do Soñador, quen, a través da creación, procura responder á pregunta esencial: que significa deixar pegada no tempo?