Queremos con este libro mellorar o coñecemento desta querida, fermosa e secular terra asturiana do Eo-Navia, un territorio que conta cunha riquísima cultura, variadas tradicións e un considerábel patrimonio material e inmaterial, sendo para destacar especialmente deste último a súa fala ou variante lingüística comarcal da grande lingua galego-portuguesa, e que é merecedora da máxima protección e desenvolvemento.
Para a elaboración deste libro contamos cunha ampla bibliografía, con informacións obtidas de moitas outras fontes e coas experiencias vividas nas viaxes e estadías feitas ao longo dos anos. Cremos que neste conxunto se reúnen informacións e datos xeográficos, históricos, lingüísticos, culturais, patrimoniais, etnográficos, socioeconómicos, gastronómicos e dos seus grandes homes e mulleres que poden contribuír a que os eonaviegos coñezan mellor e valoren máis a súa Terra mesopotámica e a que os galegos viaxen e se relacionanen máis con ela.
Ofrecemos tamén, como complemento e ilustración do texto, unha ampla e significativa selección de fotografías sobre a Comarca do Eo-Navia.