Compartir nunca é doado: compartir un sentimento, un fogar, unha cidade, un país, un planeta ou mesmo unha galaxia. Chegar á guerra, non ser quen de resolver un conflito, supón un fracaso para ambas as partes e afecta, dun xeito ou doutro, a terceiros. A guerra é a negación do diálogo, o triunfo da xenreira, da ambición, da forza por riba da razón. Por iso, deberiamos estar atentos aos sinais, aos síntomas que anuncian un corpo enfermo, unha relación deteriorada, contaminada polo discurso interior que se alimenta a si mesmo e fai medrar, onde antes había amor, o resentimento.