Cada verso, cada estrofa, cada poema constrúese a modo de manobra de Heimlich emocional que pretende liberarnos da obstrución que produce a dor interna e o padecemento psíquico, en certa medida funcional e adaptativo e que nos fai buscar protección ante situacións adversas. Asfixia é exactamente iso: unha situación crítica que podemos experimentar e que nos impide respirar con normalidade liberándose coas palabras, coas apertas, co afecto e coa creación dese universo propio que actúa a modo de defensa ante unha emerxencia emocional. Asfixia é a cor que nos devolve a capacidade de osixenar. Asfixia é a creación dun espazo que tenta rachar coas sogas da dor, coas ataduras desta sociedade, coas cordas que nos apreixan. E respirar.