Contemplar como todo se esfarela, como o mundo se esborralla depredado pola praga humana, ser espectador dunha tarda e preguiceira apocalipse dende a comodidade dun fogar ben mantido no primeiro mundo. Facelo até que algo racha nos adentros, unha demencia transitoria que impele a cavar trincheiras baixo as alfombras, que deixa a un espido fronte a unha incerteza radical, liminaridade sen norte. E a teima de transitar esa desolación coa única axuda da palabra. Velaí o incerto territorio que tripa Xosé de Cea no seu último poemario: Dende a miña barricada de sofás e canapés, gañador do V Premio de Poesía Eduardo Pondal.