Magnolia punk e outras arrítmias é un poemario inconformista dividido en dúas partes: latexo bradiarrítmico, vagaroso, reflexivo e o latexo taquiarrítmo, de aceleradas estrofas e metáforas visuais.
O nexo destes poemas son historias de emocións marcadas por diferentes culturas en fricción social permanente contra as forzas e convencionalismos: o post-colonialismo e as vagas de migración, a contaminación medioambiental, a xestión política social, o peso da educación patriarcal, os roles de xénero no amor e o poder do algoritmo dixital para a manipulación do colectivo. Pero tamén é un calidoscopio persoal para atopar respostas á procura dunha harmonía solidaria na natureza humana.
O poemario non olla para o outro lado da violencia, da sombra que acelera o ritmo cardíaco ou se detén ante a imposibilidade de parar guerras, miserias e inxustizas; Magnolia punk e outras arrítmias opta por limpar os lentes para achar felicidade no miúdo, no próximo e na poesía da vida. É un reflectir poético da mestura híbrida que somos á procura dun mundo lírico, delicado coma as pétalas da magnolia.