Migratoria trae ao presente a ollada literaria e sentimental dunha muller do noso tempo que aínda atopa as pegadas daquela outra diáspora nas lembranzas familiares e nas testemuñas que marcaron lugares e emocións compartidas.
Andrea Fernández Maneiro, achéganos a aquel espíritu rosaliano facendo da observación do inmediato, do cotián, fartura literaria. En calquera recanto do río, a carón das árbores senlleiras, ou nos esqueletes do que foron casas cheas de vida, está o seu verso fresco e fondo a un tempo.