Dona Constanza, unha marquesa á que os seus fillos pretenden incapacitar xudicialmente a causa do manexo dispendioso da súa facenda foxe da súa casa cunhas poucas pertenzas que vai arrastrando nun carriño da compra.
Un mozo informático que herdou un capital considerábel e vive só nunha mansión. Ten bastantes manías, non adoita mirar aos seus interlocutores e atropélase ante as mulleres.
Unha moza adorábel con parálise cerebral, de xuízo recto, agradábel e con máis sentido común que a maioría dos mozos da súa idade.
Un mozo altísimo, con problemas de saúde, cunha intelixencia por baixo da media. Cun perímetro cefálico, nariz e orellas bastante grandes, só ten a mecánica como leitmotiv de todas as súas accións.
Estes catro personaxes forman o grupo FUCA. Creado como un club de lectura e preocupado pola accesibilidade universal, chega a ser considerado un grupo terrorista, razón pola que algúns dos seus membros son detidos pola policía.