Pexego, vas ou vés? é un conto infantil rimado dirixido á cativada a partir de 2 anos. Unha historia chea de ritmo e musicalidade que, a través dos ollos de Pexego e coa colaboración doutras froitas e árbores galegas, incide no respecto e a posta en valor da nosa lingua e da nosa contorna.
Ademais, este conto ten un sentido pedagóxico que nos permite traballar en estreita relación co currículo educativo da Comunidade Autónoma de Galicia (D150/22), traballando aspectos relacionados coas tres áreas curriculares:
– Comunicación e representación da realidade (CRR) : a través da riqueza do noso idioma e a aproximación a este a través da rima e do xogo, incidindo na valoración da contorna. A nosa lingua e cultura son fundamentais para o desenvolvemento da nosa identidade, e que mellor que facelo a través da literatura (OBX 5).
– Crecemento en harmonía (CH) a través da propia interacción entre a cativada e o reforzo do sentido de pertenza a un grupo e a resolución de conflictos para lograr unha meta común (OBX 4).
– Descubrimento e exploración da contorna (DEC) O conto toma aquí un sentido matemático, onde a cativada poderá traballar as relacións entre diferentes elementos e avanzar no traballo do sentido do número a través da composición e descomposición numérica traballando coas froitas integrantes da nosa barca, e por suposto, aproveitando un contexto lúdico (OBX 1).