Estes versos fragrantes beben de todos os mananciais que a profesión a que o autor lle entregou case unha vida pode explicar: poemas que tenden pontes douradas entre elos dunha familia, dunha terra, dunha lingua. Palabras que nos lembran que a poesía é un acto de xustiza social, un acto de dignidade como pobo, unha demostración de amor incondicional. Tantas son as conexións que se rastrexan como suxestivas as asociacións: desde a poesía de compromiso lingüístico e para a mocidade de Manuel María, ao paisaxismo nu de Aquilino e Noriega. Desde a comuñón telúrica de Novoneyra ao esencialismo de González Garcés. Con certeza, vostede, lectora ou lector, experimentará unha viaxe gozosa pola ruta trazada polo autor a través dun verso directo, espido de artificio e sincero até a medula. Capa e ilustracións de JCriss Fotógrafo.