Andreia Costas Otero, filla da migración e da clase obreira, naceu en Alemaña. A súa nai, natural de Candeán (Vigo), traballaba na industria téxtil en Stockach, en Baden-Wurtemberg, mais cultivara desde nova o debuxo e o bordado. Andreia formouse en Belas Artes entre Barcelona e Braunschweig (Baixa Saxonia), onde realizou un máster en cinema experimental baixo a tutela da profesora Birgit Hein, da que foi bolseira, asistente de laboratorio fotográfico e titora de clase.
Ten desenvolvido diversos oficios e foi docente na Universidade de Ciencias Aplicadas de Wolfenbüttel, impartindo materias de deseño e multimedia. Como creadora audiovisual, conta con nove curtametraxes, exhibidas en cidades como Linz, Hannover, Berlín, Oberhausen ou Vigo (MARCO), ademais de performances.
Publicou relatos, poesía e microrrelatos en obras colectivas. O seu primeiro libro en galego, Corazón de vaca e outras vísceras (Editorial Urutau, 2021), marcou o inicio dunha traxectoria literaria que a levou a recitar poesía en galego desde 2019. Premiada en diversos certames, imparte obradoiros de escrita creativa con perspectiva de xénero para entidades como o Servizo de Normalización Lingüística, A Casa das Mulleres ou o Centro de Documentación e Recursos Feministas do Concello de Vigo. Actualmente reside entre Chapela e A Franqueira.
meduliaeditorial.es by 15114.net © 2025 – Tódolos dereitos reservados