Luis García Montero (Granada, 1958) é Catedrático de Literatura Española na Universidade da súa cidade natal e, na actualidade, Director do Instituto Cervantes. Poeta, ensaísta e novelista de recoñecido prestixio, no ano 1999 publicou na editorial granadina Comares o libro que agora presentamos en versión galega.
Nesta obra, García Montero ofrece unha mirada ao feito poético desde a perspectiva infantil, abordando diversas temáticas e formas, e reflexionando tanto sobre a creación como sobre a lectura poética. Fala da educación da ollada, da lectura en voz alta, das estacións e do tempo, da formación do lector e do creador de poesía, así como dos múltiples recursos que enriquecen o texto poético.
Con claridade, sinxeleza e amenidade, emprega numerosos poemas –propios e alleos, en castelán e en galego– para ilustrar as súas reflexións. Estas “leccións” transpiran sabedoría e intelixencia, sempre afastadas de calquera moralina, pois o poeta é consciente de que o lector debe sentirse cómodo, recoñecido, partícipe do texto.
Hai anos expresou con lúcida inocencia: «Eu creo que dificilmente un poeta pode seguir escribindo poesía se traizoa o adolescente que foi ao se achegar á poesía».
meduliaeditorial.es by 15114.net © 2025 – Tódolos dereitos reservados