Manuel Blanco Rivas naceu no concello de Forcarei (Pontevedra) e conta cunha sólida traxectoria no ámbito literario e xornalístico. En 1990 obtivo o premio xornalístico da UNICEF ao labor individual polo seu artigo A outra infancia, publicado en Faro de Vigo. Seis anos despois, foi recoñecido co terceiro premio no Certame Nacional Galego de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo polo relato A lealdade do capataz Milos. No ano 2000 participou no libro colectivo Phiccións (Edicións Xerais) cun relato titulado O demo e o fidalgo, e en 2004 publicou o seu primeiro libro de narracións breves, A sombra das acacias, con Edicións Laiovento.
A súa actividade literaria abrangue tamén a poesía, coa súa participación na colectánea Alén do silencio en 2014. No 2015 publicou A proporción dourada (Redelibros), unha obra que explora espazos e sentimentos preservados na memoria. Ademais de escribir narrativa e poesía, colaborou na revista literaria galego-portuguesa Elipse, editada por Círculo Edições, e mantivo a sección Andel de libros no suplemento cultural Letras&Artes de Faro de Vigo, consolidando así a súa presenza no panorama cultural galego.
meduliaeditorial.es by 15114.net © 2025 – Tódolos dereitos reservados