Ramona Giráldez Domínguez, nada na Cañiza o 15 de marzo de 1954, é catedrática de Lingua e Literatura Galegas. Tras completar os seus estudos universitarios en Santiago de Compostela —cidade na que tamén pasou a súa infancia e mocidade—, iniciou a carreira docente nas Rías Baixas, onde o mar se converteu nunha presenza constante e inspiradora. Máis adiante, seguindo esa mesma pegada mariñeira, estableceu o seu labor profesional na Coruña, impartindo aulas durante trinta anos no IES Monte das Moas.
Apaixonada pola lectura, a escritura, as viaxes e a fotografía, conserva milleiros de imaxes tomadas ao longo do tempo, aínda que nos relatos deste libro se centra, curiosamente, nas que nunca chegou a facer. No eido literario, é autora do poemario Tardes de domingo, publicado no ano 2018.