Xulio Pardo de Neyra naceu en Lugo no ano 1968. É profesor titular na Universidade da Coruña, onde imparte clases de lingua e literatura galegas. A súa carreira docente levouno a ser profesor nas universidades de Compostela, Estremadura e Católica Portuguesa en Braga.
Comezou a súa traxectoria literaria aos dezaoito anos e ao longo da súa carreira publicou unha cincuentena de libros. A súa obra abarca principalmente ensaios sobre literatura galega e historia social, aínda que tamén destaca na creación literaria. Entre os seus traballos de creación, destaca a compilación de relatos eróticos O nome do arrecendo, así como a súa primeira novela pornográfica en galego, Intensa e quente é a túa humidade azul.
Ademais da súa produción en prosa, Xulio Pardo é autor de numerosos artigos de investigación e contribucións a congresos. Tamén editou, anotou e analizou importantes obras do noso patrimonio literario, como o corpus lírico de autores como Zernadas y Castro, Correa Calderón ou Martín de Padrozelos. Do mesmo xeito, rescata o que debe ser considerado o primeiro trobador coñecido da nosa historia literaria, ademais de recuperar as primeiras probas da literatura de vangarda histórica e as da literatura galega para crianzas.
meduliaeditorial.es by 15114.net © 2025 – Tódolos dereitos reservados