TRATADO PARA OLLOMOLES é un álbum de poesía visual no que se dan a man a fotografía e o pé de foto. O poeta cede a palabra ao fotógrafo amateur que sen prexuízos e sen pretender demostrar dominio técnico sobre a arte de atrapar a ollada, quere unicamente amosar a alma das súas creacións: as pequenas intervencións na natureza ou no entorno, os xestos chaplinescos, obxectos de natureza composta como algunhas palabras. Como ollomoles. Vivos. Polisémicos. Onomatopeicos. Metáforas. Paradoxos. O reloxo detido ao sol que dá a hora. Espellos virados que amosan a cara oculta. Un libro que agarda na escuridade a que alguén acenda a luz para recuperar a cor e as palabras. Así o atopará a lectora ou lector que abra estas páxinas, apagado, como cando se entra por sorpresa nun cuarto. E así quedará ao fechalo. Unha invitación permanente a desvelar o misterio. Acender a luz. O obxecto do libro. Tamén o libro como obxecto.