Fernando Otero Otero naceu en Bueu no ano 1954. Titulado en Náutica Pesqueira e membro da Mariña Mercante, desenvolveu a súa carreira profesional ligada ao mar. Tras a súa xubilación, iniciou a súa andaina literaria no eido da narrativa.
En novembro de 2010 publicou o seu primeiro libro, De Petís á Carrasqueira, editado por FECIMO. Continuando por esa mesma senda narrativa, Otero recupera agora as memorias do Soldado Costante, un veciño de Bueu, relatando con proximidade e realismo os anos da súa vida comprendidos entre 1911 e o final da Guerra Civil Española. Un período que, se ben non escolleu vivir, marcou profundamente a súa existencia e representa unha valiosa testemuña da memoria histórica local.